xoves, 14 de marzo de 2013

QUE OCORRERÍA SE ME CONVERTESE NUN GLOBO?




ESTE CONTO ESTÁ BASEADO NA TÉCNICA "QUE OCORRERÍA SE" DE GIANNI RODARI.

QUE OCORRERÍA SE ME CONVERTESE NUN GLOBO?
Unha mañá de verán, cando espertei, en lugar de notar a miña cama brandiña, quente e suave coma tódolos días, comecei a notar a suave brisa do vento, como se eu fose arrastrada por el, o canto dos paxaros …. Cando abrín os ollos, descubrín que me convertera nun globo! Era grande e vermello e estaba sobrevoando a miña cidade. Primeiro pensei que estaba soñando, xa que aquilo non era posible, pero pronto descubrín que era real.

Durante días, sobrevoei numerosas cidades e países, estiven nas montañas máis altas, vin os lugares máis marabillosos do mundo e enfronteime a numerosos perigos típicos dun globo, como intentar non ser picado por un paxaro, aguantar as altas temperaturas do sol, non rozar as cimas das montañas máis afiadas ou as copas das árbores …

Nestes días estiven tan entretida viaxando dun lugar a outro do planeta, que nin me acordei da miña casa, a miña familia, os meus amigos, a escola … Pero pronto comecei a estrañalos, cada vez máis, e comecei a desexar con tódalas miñas forzas volver a converterme en nena, xa que, se seguía sendo un globo, nunca máis os volvería a ver.

Unha noite despexada na que resplandecían as estrelas e había unha gran lúa chea no alto do ceo, sentín como me quedaba durmida e era arrastrada pola brisa do vento dun xeito distinto ó que o facía a diario nos últimos días. Á mañá seguinte espertei coa voz da miña nai chamándome e cun agradable olor a tostadas … era sábado e, coma todos eles, iamos visitar aos meus avós. Parecía que non transcorrera ningún tempo dende a última vez que estivera na miña cama, todo continuaba igual, polo que … sería real aquela experiencia, ou trataríase do típico soño fantástico? Iso nunca o saberemos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario